O mellor espectáculo das carreiras en ruta de Galicia viviuse este primeiro domingo de novembro na 43ª edición da Carreira Internacional de Negreira, A Clásica, que rexistrou outra vez un incremento de participantes, superando os 1.500 corredores. Antes da saída, gardouse un minuto de silencio en recordo das víctimas da dana, en Valencia. O vencedor absoluto da proba raíña dos 10.000 metros foi o eritreo Workneh Fikre Serbessa, do Atletismo Narón, que empregou 29 minutos e 6 segundos nun espectacular man a man co keniata Amón Kiptoo, do Calatayud, que entrou a un segundo. Terceiro foi o keniata, David Kiplagat, do Calatayud, a 38 segundos. A cuarta praza foi para Peter Wanjiru, do Albacete (29.48). Quinto foi o uruguaio Nicolás Cuesta, do Bikila, con 30.42.
O primeiro galego foi Jorge Puig, auténtico dominador en ruta da comunidade, que foi sexto (30.47), seguido dos atletas africanos Hicham Ettalbi e Abdelaziz Merzougui, sétimo e oitavo, respectivamente.O segundo galego foi Marcos Oro (Arenteiro), noveno, mentres que a terceira praza foi para Amadeo Abal, décimo na xeral. O negreirés Jorge Crespo terminou no posto trece. Foi homenaxeado na saída do 5K polo seu recente éxito como quinto mellor no Mundial de Maratón Máster, en Rumanía, e subcampión M40.
Categoría feminina
En mulleres, a gañadora foi a arxentina, Fedra Luna, no posto 19, seguida da galega, Sandra Mosquera (Comesaña Club), no posto setenta. A terceira posición foi para Nati García (Oleiros). Cuarta foi Sofía Freaza. Por equipos, o triunfo foi para o Arenteiro, seguido do Sar e do Compostela. En locales, tras Jorge Crespo entrou outro mítico como Luis Calvo. Terceiro foi Andrés Domínguez. En féminas gañou Corinne Alsina, seguida de María José Suárez e Patricia Quintáns.
En canto á carreira 5K, o gañador foi Adrián Sesar, do Millaraio, con 16.52. Segundo, a máis de medio minuto, Damián Álvarez (Terra de Soneira). Terceiro foi o negreirés Rubén Martínez (Atletismo Negreira), con 17.10. En féminas, o dominio foi das irmans Debrís e Demeku Paniagua (O Pino).
A de Negreira convírtese na carreira de Galicia con máis escolares. As catro probas superaron os 800 participantes.